29 oct 2012

CANCIÓN DO SAMAÍN

MONSTROS E DEMAIS

ERA NOITE DE TREBÓN
NUN VELLO E MOURO CASTELO
A AUGA CAÍA A CHUZOS
E OS LÓSTREGOS A METROS.

ÓESE DENTRO UN BARULLO
DE ALARIDOS E LAMENTOS
ERA NOITE DE TREBÓN
NUN VELLO E MOURO CASTELO.

BULE,BULE,BULE,BULE
BAILAN,BAILAN,OS ESPECTROS
BAILAN,BAILAN,ESQUELETOS
SAPOS,MONSTROS E MORCEGOS.

BAILAN,BAILAN AS PANTASMAS,
MONSTROS,BRUXAS E CURUXAS
BULE,BULE,QUE AÍNDA É CEDO
E HOXE TOCA PASAR MEDO.



28 oct 2012

O PROVERBIO DA SEMANA

No proxecto do EDLG propuxemos realizar unha actividade anual que leva como título "Os proverbios do Mundo". Para isto, cada semana expoñemos no taboleiro da entrada un proverbio do que indicaremos o seu autor e a súa procedencia.
Animamos a tod@s a lelos.
O de esta semana foi:


25 oct 2012

GALLETAS DE SAMAÍN

Os nen@s de 5 anos A e C estiveron todo o día preparando galletas de Samaín. Coa axuda das súas mestras e de algunhas nais quedáronlles riquísimas.

Aquí vos ensinamos ao noso colexio "vestido" de Samain.


24 oct 2012

AS CABAZAS


Non vos esquezades de ir preparando as cabazas.
Entregaranse entre o luns e o martes da vindeira semana.
O mércores levaranse de volta para casa.

22 oct 2012

O SAMAÍN

A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta.

Samaín significa fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura celta o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para reunirse nos camposantos, comer o porco de samaín e celebrar a festa dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas dos finados eran quen de vir visitar este mundo e aos seus habitantes. Moitas veces para render contas inacabadas e outras para visitar os seus parentes e quentarse ao carón do lume.


Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas adoitaban poñer no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos na batalla. De aquí vén a tradición europea de facer caveiras na cortiza dos melóns ou cabazos.
O Samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. Este ten orixe europea e foi levado polos emigrantes a terras americanas donde se transformou nun carnaval outonal.

16 oct 2012

DÍA MUNDIAL DA ALIMENTACIÓN

Hoxe, 16 de Outubro, como cada ano desde 1979 conmemórase o Día Mundial da Alimentación. Este día foi sinalado pola FAO (Organización de Nacións Unidas para a agricultura e a alimentación) para transmitir a todo o mundo as necesidades e os problemas que hoxe, en pleno século XXI atopamos, especialmente a fame no mundo.
O obxetivo de este día é crear unha maior conciencia da difícil situación na que viven as persoas que pasan fame e están malnutridas, ademais de promover en todo o mundo a participación da poboación na loita contra a fame. 

Este ano o tema a destacar en son as cooperativas, baixo o lema: As cooperativas agrícolas alimentan o mundo.


14 oct 2012

POÑÉMOSNOS EN MARCHA


Bergantiñáns polo Mundo! é o nome que recibe o noso proxecto, este curso escolar centrado no Universo.
Neste primeiro trimestre traballaremos moitos aspectos relacionados coa Lúa e as Estrelas.

Pouco a pouco amosarémosvos os nosos traballos.